28/5/09

Os proxectos TIL. Avaliación

Onte rematamos o camiño trazado para esta primeira incursión no tratamento integrado das linguas cunha xuntanza dos cinco grupos de traballo. Cada centro explicou o seu particular percorrido e amosou un pouco da súa experiencia. Foi unha ocasión moi especial.
A intención de integrar a didáctica das linguas - como temos comentado nesta bitácora - leva a revisar a práctica e renovar o enfoque das aulas de linguas. Iso percibín no discurso dos grupos. Falamos de dificultades, de logros, de descubrimentos e novidades. Falamos moito da necesidade de continuar, porque este é un camiño que se abre, e precisa de tempo para o percorrido.
Foi onte un día de moita calor, unha tarde de praia. Nós pasámola traballando, contrastando os camiños percorridos e pensando en novas posibilidades para o futuro (para que logo falen do horario dos profes).
En vindeiros posts procurarei achegar máis información sobre as propostas que deseñaron e experimentaron estes cinco grupos de profes innovadores:
O equipo do CPI Alfonso VII, de Caldas (coas linguas e/in-migrando en Caldas) - que representaron - para min - a imaxinación
O grupo do CPI de Cuntis (Integralingua) - foron boa mostra de intensidade
As profes de Chancelas, Poio (de música, de Ed. física, idiomas, linguas... o máis interdisciplinar) - a frescura
O equipo de Nantes, Sanxenxo (o proxecto de traballo globalizado centrado nun grupo clase) - transmitiron a pasión
As profes dos IES Castro Alobre e A. Cotarelo (que deseñaron uns primeiros auxilios para a atención do alumnado que provén do estranxeiro nos primeiros momentos) - a forza da realidade

Rematamos coa intervención da profesora Carmen Becerra, da Universidade de Vigo, que nos achegou ás interioridades da construción da narración de historias que máis adoitan ver os nosos alumnos e alumnas: a narración mediantes imaxes en movemento, o cine. Falamos de clásicos e non tan clásicos, de luz, son, planos, escenas, ...

Comenteille, despois da sesión, a Carmen un vídeo que viña de ver nun dos nosos blogues amigos, a casa de tolos e que me tiña abraiado. Entón descubrín que a historia que conta este spot está baseada nun dos maravillosos contos de Leopoldo Lugones.

Velaí o tendes: Ranitas de colores.

8/5/09

Textos: tipos de texto

Un concepto clave para a reflexión lingüística é a tipoloxía textual. Desde o traballo cos diferentes tipos de textos, nos diferentes ámbitos de uso, e concretados no interminable abano de xéneros discursivos, podemos iniciar secuencias de integración na didáctica das distintas linguas.
Esta é unha presentación que utilizamos para achegarnos a estes conceptos:

6/5/09

Textos ¿que textos?

Andamos - como temos comentado nesta bitácora - ás voltas coa posibilidade de integrar a didáctica das linguas nos centros, e na procura de elementos comúns, de aprendizaxes lingüísticas compartidas, fomos decatándonos da necesidade dun enfoque máis funcional e comunicativo das nosas aulas.
O ensino e a aprendizaxe das linguas centrado nos usos e na competencia comunicativa permítenos compartir amplos espazos que son comúns a todas as linguas curriculares.
Daquela chegamos aos textos. Porque máis aló dun achegamento ás linguas descriptivo e analítico, hai outras posibilidades, que non desbotan a reflexión gramatical, ou literaria), e que focalizan a atención na comprensión e produción de textos.
A noción de texto cobra neste enfoque didáctico un novo significado. Preparei unhas presentacións para ir analizando este e outros conceptos relacionados. Velaí a primeira, sobre o concepto de texto desde unha óptica funcional e comunicativa.
TIL
View more presentations from Paco Diaz.

Irei achegando a esta bitácora as presentacións relacionadas e quedará unha referencia ás mesmas na barra dereita.