23/2/09

Competencia comunicación lingüística


Comezou o curso de formación sobre a competencia en comunicación lingüística. Traballamos desde o punto de vista do profesorado de linguas. Tratamos de establecer as implicacións metodolóxicas do ensino centrado en competencias, e partimos dalgunhas consideracións de base:

1. Competencia implica posta en práctica, manexo de capacidades en situación. A competencia comunicativa implica a proposta ao alumnado de demandas complexas, de tarefas reais ou realistas de comunicación. Lévanos a un enfoque comunicativo e funcional nas aulas de linguas.

2. Tomamos como referencia de especial interese e fonte de información o Marco Europeo Común de Referencia para as linguas.

3. Tratamos de revisar propostas didácticas nos principais ámbitos de interacción comunicativa: os textos da vida cotiá (intertextualidade); textos dos medios de comunicación (obradoiro TIC); e os textos académicos (Proxectos documentais).

4. Tratamos de definir as implicacións metodolóxicas deste concepto novo. Implicacións para as áreas lingüísticas (competencias sociolingüística e prágmática) e non lingüísticas (contribución á competencia lingüística desde as áreas).

5. Consideramos a integración coma unha das fundamentais implicacións metodolóxicas deste novo enfoque: a integración na didáctica das linguas e das linguas e outras áreas.

6. A avaliación non é independente destas propostas metodolóxicas, antes ben forma parte das mesmas. As propias tarefas complexas permiten a avaliación e o Portfolio das linguas resulta unha ferramenta de esencial interese.

7. Dentro deste enfoque cobra especial relevancia un concepto amplo de competencia comunicativa, cunha atención especial aos procesos comunicativos non verbais.

Iremos definindo e ampliando cadanseu punto deste listado.

10/1/09

¿Como se lerán os libros no futuro?

Seguramente moitos de vos xa o coñecedes, pero, para aqueles escépticos da lectura dixital, aquí lles deixo este fantástico vídeo da editorial Editis que nos adianta como se lerá no futuro. Posiblemente máis perto do que pensamos dada a exponencial evolución das TIC.

24/12/08

Stand by me


Playing For Change: Song Around the World Stand By Me from Concord Music Group on Vimeo.

I have not found a better way to wish you Bo Nadal e un venturoso 2009, Feliz Navidad y los mejores deseos para 2009, Bon Nadal i feliç Any Nou, Zorionak eta Urte Berri On, Joyeux Noël et Bonne Année, Buon Natale e Felice Anno Nuovo, Froehliche Weihnachten und ein glückliches Neues Jahr, Merry Christmas & Happy New Year...

En fin. Que todos/as poidades estar xunto a quen queredes. O único que importa.

16/12/08

Un "widget" curioso para practicar inglés

Preséntovos un curioso widget que pode resultar útil e entretido para practicar inglés. Programado con intelixencia artificial, podemos chatear nesa lingua con este robot chamado Alice. Seguro que ó alumnado lle sorprende comprobar como segue a conversa.Podedes comezar preguntándolle como se chama e de onde é.


Fonte: Leonor Quintana (El tinglado). Neste famoso e premiado blogue tedes interesantísimos materiais para a aprendizaxe de inglés e francés, entre outras materias.

15/12/08

Tratamento integrado das linguas (exemplificacións)

En Andalucía falan de CIL, o currículo integrado de linguas. E non so falan senón que veñen de publicar un traballo de gran interese para os que - coma nós - imos comezando a percorrer o camiño da integración no tratamento das linguas. Esta publicación da Consejería de Educación está disponible en averroes para que a poidamos consultar.
Sabemos da mesma a través do noso conferenciante Fernando Trujillo, que foi un dos colaboradores deste traballo.
Paga a pena visitar este sitio e achegarse non so ás orientacións metodolóxicas (froito da experiencia en centros), senón tamén ás exemplificacións didácticas concretas e establecidas por cursos.
Do máximo interese!

30/11/08

Blogues: nas aulas?


Un dos obradoiros das xornadas de formación correu a cargo de Román Landín. A temática, as bitácoras, as posibilidades e potencialidade desta ferramenta para as aulas de linguas (tamén para calquera outra). Neste obradoiro, Román sinalaba tres premisas para achegarse a este mundo das bitácoras, na contorna que - dun xeito misterioso - chaman a web 2.0.

Non ter máis coñecementos que un usuario medio de internet
Ter unha vontade de inserir as TIC na práctica educativa
Saber da necesidade de facer confluír contidos propios e alleos

E así, con estes mimbres, púxose a facer o seu cesto. O caderno de lingua, unha bitácora.
Así é a experiencia de Román, profesor de Lingua en Cuntis. A súa bitácora é unha referencia de moito interese para profesorado de toda Galicia.
Así é a cousa. Cuestión de empezar.
Por certo, cal é a túa bitácora? como é a dirección da web do voso centro? O blogue da biblioteca? utilizas unha destas ferramentas co alumnado?

Queremos coñecer esas experiencias. Agardamos eses comentarios.

28/11/08

Avaliación das xornadas

Boas tardes a todos e a todas, un saúdo para todas as persoas usuarias deste blog, traballo do meu compañeiro Paco. Simplemente quero agradecer a vosa asistencia e colaboración nestas xornadas, as felicitacións que estamos recibindo dende a enquisa de avaliación, e tamén por suposto, as críticas constructivas que teremos en conta para futuras actividades. Aínda falta un número importante de persoas por cubrir a enquisa de avaliación, por favor facédeo canto antes.


Estamos a recibir xa alguha solicitude de grupos de traballo, pero desexamos que se anime máis xente, a temática non ten que ser únicamente de tratamento integrado de linguas, pode ser máis específica de algún idioma en concreto. Algunha xente de francés falou conmigo sobre a falla de actividades específicas para esa lingua, e tamén o descoñecemento de recursos novidosos para a súa ensinanza, un grupo de traballo e unha boa maneira de cubrir ese campo.


Sin máis polo de agora, que teñades unha boa fin de semana. Un saúdo dende a Asesoría de Linguas Estranxeiras.

27/11/08

TIL NO PROXECTO LINGÜÍSTICO DO CENTRO

As tendencias recentes na aprendizaxe de linguas (estranxeiras), relacionadas coa globalización, cos intercambios culturais, coa inmigración ou coa comunicación internacional, están orientadas cara á perspectiva intercultural, tendo como principal obxectivo o fomento da tolerancia e comprensión internacional e transcultural. A interculturalidade está presente no propio Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas e os termos cultura, interculturalidade e consciencia intercultural forman parte dos currículos de linguas (estranxeiras) dos diferentes estados membros da Unión Europea.
Paralelamente, nos últimos anos, o concepto de plurilingüismo foi adquirindo cada vez máis importancia no enfoque sobre aprendizaxe de linguas do Consello de Europa. O enfoque plurilingüe pon en valor o feito de que conforme se expande a experiencia lingüística dunha persoa nos contornos culturais dunha lingua, dende a linguaxe familiar ata a sociedade en xeral, e despois ata as linguas doutros pobos (xa sexan aprendidas na escola, na universidade ou por experiencia directa), a persoa non garda estas linguas en compartimentos mentais separados, senón que desenvolve unha competencia comunicativa á que contribúen todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas e na que as linguas se relacionan entre si e interactúan.
O camiño para chegar á xestión ecolóxica ou plurilingüe das linguas (ambientais e estranxeiras) nos centros educativos é aínda longo. Até agora, aínda que xa existen modelos relacionados co tratamento integrado de linguas, a xestión das linguas facíase (e faise) dende unha perspectiva claramente monolingüe, é dicir, cada lingua é programada de xeito independente como se o desenvolvemento da competencia comunicativa nunha lingua non contribuíse ao fomento da mesma no resto das linguas.
O proxecto lingüístico dos centros, entendido como a visión non compartimentada do ensino das linguas no centro, é dicir, dentro do enfoque TIL (Tratamento Integrado das Linguas) deberá, por tanto, xestionarse dende unha perspectiva plurilingüe, negociando e consensuando o obxecto de aprendizaxe e o proceso de ensino e aprendizaxe das linguas.

25/11/08

Para comenzar: as ideas forza.

Estas xornadas que vimos de rematar non deberan ficar aí, coma un recordo interesante. Antes ben queremos que sexan un primeiro paso dun camiño fructífero. Poderían ser un primeiro achegamento a estes conceptos tan esvaradizos:

  • As competencias básicas.

  • A competencia en comunicación lingüística

  • O plurilingüismo.
¿en que consisten?¿como se traballa?¿para que serven?
Coido que temos xa algunhas respostas, algunhas pistas.
Apuntarei unhas cuantas das que eu anotei como fundamentais.

As competencias básicas: unha cuestión de método.



Ideas clave. Ideas forza.

  • Traballo en equipo.

  • Aprendizaxe mediante tarefas.

  • Integración (no tratamento das linguas e da lingua nas áreas)

  • Inserción das novas tecnoloxías.

Coñecimos e achegámonos a varios recursos para esta liña de traballo:

  • O portfolio

  • O ensino CLIL.

  • Os programas europeos

  • O E-twinning


Que outras ideas importantes tiras da túa asistencia ás distintas conferencias e obradoiros? Escribe un comentario a esta entrada. Servirá tamén de saúdo.

Agardamos por eses comentarios.

Bilingüismo