28/5/09

Os proxectos TIL. Avaliación

Onte rematamos o camiño trazado para esta primeira incursión no tratamento integrado das linguas cunha xuntanza dos cinco grupos de traballo. Cada centro explicou o seu particular percorrido e amosou un pouco da súa experiencia. Foi unha ocasión moi especial.
A intención de integrar a didáctica das linguas - como temos comentado nesta bitácora - leva a revisar a práctica e renovar o enfoque das aulas de linguas. Iso percibín no discurso dos grupos. Falamos de dificultades, de logros, de descubrimentos e novidades. Falamos moito da necesidade de continuar, porque este é un camiño que se abre, e precisa de tempo para o percorrido.
Foi onte un día de moita calor, unha tarde de praia. Nós pasámola traballando, contrastando os camiños percorridos e pensando en novas posibilidades para o futuro (para que logo falen do horario dos profes).
En vindeiros posts procurarei achegar máis información sobre as propostas que deseñaron e experimentaron estes cinco grupos de profes innovadores:
O equipo do CPI Alfonso VII, de Caldas (coas linguas e/in-migrando en Caldas) - que representaron - para min - a imaxinación
O grupo do CPI de Cuntis (Integralingua) - foron boa mostra de intensidade
As profes de Chancelas, Poio (de música, de Ed. física, idiomas, linguas... o máis interdisciplinar) - a frescura
O equipo de Nantes, Sanxenxo (o proxecto de traballo globalizado centrado nun grupo clase) - transmitiron a pasión
As profes dos IES Castro Alobre e A. Cotarelo (que deseñaron uns primeiros auxilios para a atención do alumnado que provén do estranxeiro nos primeiros momentos) - a forza da realidade

Rematamos coa intervención da profesora Carmen Becerra, da Universidade de Vigo, que nos achegou ás interioridades da construción da narración de historias que máis adoitan ver os nosos alumnos e alumnas: a narración mediantes imaxes en movemento, o cine. Falamos de clásicos e non tan clásicos, de luz, son, planos, escenas, ...

Comenteille, despois da sesión, a Carmen un vídeo que viña de ver nun dos nosos blogues amigos, a casa de tolos e que me tiña abraiado. Entón descubrín que a historia que conta este spot está baseada nun dos maravillosos contos de Leopoldo Lugones.

Velaí o tendes: Ranitas de colores.

No hay comentarios: