30/11/08

Blogues: nas aulas?


Un dos obradoiros das xornadas de formación correu a cargo de Román Landín. A temática, as bitácoras, as posibilidades e potencialidade desta ferramenta para as aulas de linguas (tamén para calquera outra). Neste obradoiro, Román sinalaba tres premisas para achegarse a este mundo das bitácoras, na contorna que - dun xeito misterioso - chaman a web 2.0.

Non ter máis coñecementos que un usuario medio de internet
Ter unha vontade de inserir as TIC na práctica educativa
Saber da necesidade de facer confluír contidos propios e alleos

E así, con estes mimbres, púxose a facer o seu cesto. O caderno de lingua, unha bitácora.
Así é a experiencia de Román, profesor de Lingua en Cuntis. A súa bitácora é unha referencia de moito interese para profesorado de toda Galicia.
Así é a cousa. Cuestión de empezar.
Por certo, cal é a túa bitácora? como é a dirección da web do voso centro? O blogue da biblioteca? utilizas unha destas ferramentas co alumnado?

Queremos coñecer esas experiencias. Agardamos eses comentarios.

28/11/08

Avaliación das xornadas

Boas tardes a todos e a todas, un saúdo para todas as persoas usuarias deste blog, traballo do meu compañeiro Paco. Simplemente quero agradecer a vosa asistencia e colaboración nestas xornadas, as felicitacións que estamos recibindo dende a enquisa de avaliación, e tamén por suposto, as críticas constructivas que teremos en conta para futuras actividades. Aínda falta un número importante de persoas por cubrir a enquisa de avaliación, por favor facédeo canto antes.


Estamos a recibir xa alguha solicitude de grupos de traballo, pero desexamos que se anime máis xente, a temática non ten que ser únicamente de tratamento integrado de linguas, pode ser máis específica de algún idioma en concreto. Algunha xente de francés falou conmigo sobre a falla de actividades específicas para esa lingua, e tamén o descoñecemento de recursos novidosos para a súa ensinanza, un grupo de traballo e unha boa maneira de cubrir ese campo.


Sin máis polo de agora, que teñades unha boa fin de semana. Un saúdo dende a Asesoría de Linguas Estranxeiras.

27/11/08

TIL NO PROXECTO LINGÜÍSTICO DO CENTRO

As tendencias recentes na aprendizaxe de linguas (estranxeiras), relacionadas coa globalización, cos intercambios culturais, coa inmigración ou coa comunicación internacional, están orientadas cara á perspectiva intercultural, tendo como principal obxectivo o fomento da tolerancia e comprensión internacional e transcultural. A interculturalidade está presente no propio Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas e os termos cultura, interculturalidade e consciencia intercultural forman parte dos currículos de linguas (estranxeiras) dos diferentes estados membros da Unión Europea.
Paralelamente, nos últimos anos, o concepto de plurilingüismo foi adquirindo cada vez máis importancia no enfoque sobre aprendizaxe de linguas do Consello de Europa. O enfoque plurilingüe pon en valor o feito de que conforme se expande a experiencia lingüística dunha persoa nos contornos culturais dunha lingua, dende a linguaxe familiar ata a sociedade en xeral, e despois ata as linguas doutros pobos (xa sexan aprendidas na escola, na universidade ou por experiencia directa), a persoa non garda estas linguas en compartimentos mentais separados, senón que desenvolve unha competencia comunicativa á que contribúen todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas e na que as linguas se relacionan entre si e interactúan.
O camiño para chegar á xestión ecolóxica ou plurilingüe das linguas (ambientais e estranxeiras) nos centros educativos é aínda longo. Até agora, aínda que xa existen modelos relacionados co tratamento integrado de linguas, a xestión das linguas facíase (e faise) dende unha perspectiva claramente monolingüe, é dicir, cada lingua é programada de xeito independente como se o desenvolvemento da competencia comunicativa nunha lingua non contribuíse ao fomento da mesma no resto das linguas.
O proxecto lingüístico dos centros, entendido como a visión non compartimentada do ensino das linguas no centro, é dicir, dentro do enfoque TIL (Tratamento Integrado das Linguas) deberá, por tanto, xestionarse dende unha perspectiva plurilingüe, negociando e consensuando o obxecto de aprendizaxe e o proceso de ensino e aprendizaxe das linguas.

25/11/08

Para comenzar: as ideas forza.

Estas xornadas que vimos de rematar non deberan ficar aí, coma un recordo interesante. Antes ben queremos que sexan un primeiro paso dun camiño fructífero. Poderían ser un primeiro achegamento a estes conceptos tan esvaradizos:

  • As competencias básicas.

  • A competencia en comunicación lingüística

  • O plurilingüismo.
¿en que consisten?¿como se traballa?¿para que serven?
Coido que temos xa algunhas respostas, algunhas pistas.
Apuntarei unhas cuantas das que eu anotei como fundamentais.

As competencias básicas: unha cuestión de método.



Ideas clave. Ideas forza.

  • Traballo en equipo.

  • Aprendizaxe mediante tarefas.

  • Integración (no tratamento das linguas e da lingua nas áreas)

  • Inserción das novas tecnoloxías.

Coñecimos e achegámonos a varios recursos para esta liña de traballo:

  • O portfolio

  • O ensino CLIL.

  • Os programas europeos

  • O E-twinning


Que outras ideas importantes tiras da túa asistencia ás distintas conferencias e obradoiros? Escribe un comentario a esta entrada. Servirá tamén de saúdo.

Agardamos por eses comentarios.

Bilingüismo

24/11/08

Mensaxe de benvida

"Competencia en comunicación lingüística nunha Europa plurilingüe e pluricultural". Este é o título das xornadas de formación nas que estades a participar neste mes de novembro. Esta bitácora comeza a súa andaina con varias pretensións, a saber:

A) Receptáculo de información (documentos, presentacións, referencias, etc.)
B) Canle de comunicación, opinión e difusión.
C) Xermo dunha dinámica con vocación de continuidade.

Estes fermosos desexos serán realidade tanto coma vós queirades, na medida en que participedes e contribuades coas vosas opinións e comentarios ao desenvolvemento desta blogue que hoxe comeza.

Adiante e que non falten as ideas.